A Confraría de Pescadores de Corcubión xa ten todo preparado para celebrar, os días 22, 23 e 24 de agosto, as Xornadas Gastronómicas Confraría de Pescadores de Corcubión. Tres días nos que a gastronomía, as actividades divulgativas e achegamento ao sector pesqueiro daranse cita no peirao e a lonxa do municipio.
O polbo será o gran protagonista desta cita, aínda que tamén haberá espazo para outros produtos da lonxa, como o longueirón. Na carpa gastronómica que se instalará no peirao, os asistentes poderán degustar polbo en catro elaboracións distintas -á feira, á brasa, en croquetas e en empanada-, ademais de longueirón á prancha.
A cociña abrirá o venres de 20:00h a 23:30h, o sábado de 13:00h a 17:00h e de 20:00h a 23:30h e o domingo de 13:00h a 17:00h.
Promo do evento.
Showcookings con prazas limitadas
Ademais da exaltación gastronómica, a programación inclúe tres showcookings gratuítos que se celebrarán no interior da lonxa: venres e sábado ás 19:00h e domingo ás 12:00h.
Cada mostra de cociña conta con 30 prazas e permitirá aos asistentes presenciar en directo a elaboración de receitas e degustalas.
A inscrición é gratuíta no teléfono 981746951. Para permitir a participación do maior número de asistentes, só será posible inscribirse a un showcooking por persoa.
Talleres infantís de ciencia mariña
Os máis pequenos terán a oportunidade de achegarse ao mundo mariño a través de dous talleres de divulgación científica. Será o sábado ás 12:00h e ás 19:30h.
No primeiro taller, denominado Como son vos cefalópodos por dentro?, os pequenos examinarán as partes externas e internas de especies como o polbo, mediante unha disección e a observación ao microscopio. O taller está especialmente indicado para nenos de entre 6 e 12 anos.
O segundo taller, denominado E ti… de quen ves sendo?, está dirixido a nenos de todas as idades. A través de mostras de animais, cunchas e outros elementos didácticos, os participantes coñecerán a orixe dos moluscos e descubrirán curiosidades sobre esta “familia” tan importante nas rías galegas.
As prazas para estes talleres infantís son tamén limitadas, polo que todos os interesados en participar deberán inscribirse previamente no 981746951.
A figura das mulleres no sector
As xornadas da Confraría de Pescadores de Corcubión tamén propoñen un achegamento ao sector a través dunha charla dirixida por algunhas das mariscadoras da confraría. Baixo o título Abrandases do mar: voces e retos do marisqueo, abordaranse temas como a conciliación familiar ou a integración no sector desde unha perspectiva feminina.
Unha fin de semana cargada de sabor e actividades para dar a coñecer a riqueza pesqueira de Corcubión e algúns dos recursos máis importantes da súa ría.
PROGRAMACIÓN COMPLETA
Venres 22 de agosto
• 19:00h – Showcooking (inscricións: 981746951)
• 20.00 horas. Apertura da cociña
• 23.30 horas. Peche da xornada
Sábado 23 de agosto
• 12.00 horas. Taller infantil Como son vos cefalópodos por dentro? ((inscricións: 981746951)
• 12.30 horas. Charla Abrandases do mar: voces e retos do marisqueo
• 13.00 horas. Apertura da cociña
• 17.00 horas. Peche da cociña
• 19.00 horas. Showcooking (inscricións: 981746951)
• 19.30 horas. Taller infantil/familiar E ti… de quen ves sendo?. Inscricións no 981746951
• 20.00 horas. Apertura da cociña
• 23.30 horas. Peche da xornada
Domingo 24 de agosto
• 12.00 horas. Showcooking (inscricións: 981746951)
• 13.00 horas. Apertura da cociña
• 17.00 horas. Peche da xornada