- O novo paseo, con cargo a Deputación da Coruña, conectará Quenxe e o faro de Cee, bordeando a ría ao longo da estrada DP 2801.
As obras suporán un importante investimento de 1,1 millóns de euros, este elevado orzamento supón un dos maiores investimentos aprobados pola área de Vías e Obras da Deputación durante este ano.
Os traballos comprenderán a ampliación da estrada ata os 7 metros de ancho (dous carrís de 3,5 metros), con arcén de medio metro e unha senda peonil de 2 metros de ancho pola marxe esquerda da calzada, que discorrerá dende o punto quilométrico 0+780 (Quenxe) ao 2+554 bordeando a ría e prolongarase despois polo ramal que conduce ata o faro, pasando polo campo de fútbol. O ramal disporá dunha plataforma de 6 metros e senda de 2 metros de ancho.
Ademáis da ampliación da estrada e a creación da senda, as obras inclúen tamén a mellora do trazado en puntos coma unha curva á altura da praia da Cobiña e suporán «unha importante mellora da seguridade peonil nunha zona moi transitada polos veciños», segundo apuntou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.