Coristanco abriu as súas portas á cooperación internacional

1 minutes read

O Concello de Coristanco tivo a honra de recibir a visita dunha delegación técnica procedente de Mozambique, no marco dun programa de intercambio impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, co obxectivo de compartir experiencias e boas prácticas en materia de xestión local, desenvolvemento rural e sustentabilidade.
Os técnicos visitantes —Onofre Muianga, da Asociación Nacional de Municipios de Mozambique, Plácido Sitoe, do municipio de Namaacha, e Bento Macamo, do municipio de Manhiça— puideron coñecer de primeira man diferentes proxectos que se desenvolven en Coristanco, tanto a nivel de servizos públicos como de dinamización do territorio.
Durante a súa estancia, visitaron:

  • As obras de mellora do saneamento na zona de Erbecedo.
  • A planta de tratamento de augas de Coristanco.
  • O Carrizal Sama, unha granxa tecnificada que amosa o valor da formación e a profesionalización do sector agrogandeiro.
  • A empresa de Productos Hortícolas Casa Bustelo, un exemplo de emprendemento e calidade no sector agroalimentario.
  • Unha plantación de patacas, símbolo da nosa identidade produtiva.
  • O Refuxio de Verdes, onde reflexionamos sobre o valor do turismo sostible e a protección do patrimonio natural
  • O Centro de Promoción do Rural EFA Fonteboa, referente en formación agraria e motor de futuro para a mocidade rural.
    Foron unhas xornadas intensas e enriquecedoras, que puxeron de manifesto o valor do coñecemento compartido, a cooperación entre territorios e o papel fundamental dos concellos como motores de desenvolvemento humano, económico e sostible.
    Dende o Concello agradecen ao Fondo Galego pola confianza e pola organización, e especialmente a Onofre Muianga, Plácido Sitoe e Bento Macamo pola súa disposición, interese e simpatía.
    Por último, agradecen tamén a todas as persoas, entidades e explotacións que abriron as portas para compartir os seus saberes e experiencias. Animándose a seguir traballando conxuntamente por un rural galego aberto, solidario e conectado co mundo.