- Realizarase dentro dun marco de seguridade e garantía sanitaria e priorizaranse as actividades ao aire libre
O Concello de Coristanco ten previsto realizar nos vindeiros meses de verán varias actividades co obxectivo de ofrecer unha programación estival dinámica e que ademais permitan a conciliación familiar, sempre dentro dun marco de seguridade e garantía sanitaria.
Por unha banda estarán as Actividades Deportivo-Recreativas, con grupos reducidos (15 nenos por grupo) onde se priorizarán as actividades en espazos exteriores, sobre todo na Rocheira. Terán prioridade os menores empadroados no concello cuxos ambos proxenitores precisen a conciliciación laboral por estaren traballando, así como as familias monoparentais e monomarentais na mesma situación.
Por outra banda, procederase á apertura da Piscina Municipal da Rocheira, este ano con modificacións e condicións atípicas. Coa finalidade de adaptar a actividade de piscina á nova normalidade, modificaranse varios puntos:
- O aforo total da instalación será de 50 persoas.
- Para o acceso será imprescindible facerse socio da instalación.
- Obriga de toma de temperatura antes do acceso a instalación.
- So se poderá facer uso da instalación para o baño, quedando prohibida a permanencia da mesma para outros usos. Para a realización de outras actividades (consumo de alimentos, tomar o sol, xogos…) queda a disposición o resto da área recreativa da Rocheira.
- Será obrigatorio o uso de gorro e recomendarase o uso de gafas.