Os concellos galegos de Cuntis, Coristanco, Pontedeume e Monforte de Lemos convértense estes días en referentes para os municipios de Manhiça e Namaacha, en Mozambique, no marco dun programa de intercambio promovido polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
Tres técnicos municipais chegados desde o país africano permanecerán durante dúas semanas en Galicia para compartir coñecementos e boas prácticas co persoal técnico e político dos catro concellos participantes. O obxectivo principal desta estadía é reforzar a sustentabilidade económica e a xestión local nos seus territorios de orixe.
Durante a súa visita a Coristanco que se inicia este martes, os representantes mozambicanos coñecerán de primeira man o sistema de xestión financeira municipal, o funcionamento de servizos municipais clave, os mecanismos de participación cidadá e os programas de desenvolvemento rural e sostibilidade que se están a levar a cabo no municipio.
Esta iniciativa de cooperación internacional é unha vía de enriquecemento mutuo. Compartindo experiencias, aprendendo uns dos outros e reforzando o compromiso cun desenvolvemento máis xusto e solidario.