A Deputación da Coruña investirá 497.967 euros en catro proxectos de mellora de distintas rúas e camiños rurais do concdello de Coristanco. As obras están en fase de licitación ata o 30 de xullo na Plataforma de Contratación do Estado.
Un dos proxectos suporá a renovación do firme e da sinalización nas travesías Charrúa e do Calvario, así coma nas rúas homónimas e na rúa Instituto. Levaranse a cabo traballos de limpeza, fresado e rebacheo e pavimentacións dos viais con mestura bituminosa en quente. Completarase coa dotación de nova sinalización horizontal e vertical.
Outro dos proxectos pretende mellorar a seguridade no acceso ao núcleo de Buxán, concretamente un tramo de estrada de medio quilómetro que da acceso a este lugar desde a estrada provincial DP 1912 en Conles. Aumentarase o ancho da zona de circulación, que actualmente é de apenas 4 metros nalgús puntos, executaranse cunetas e dotarase ao vial dunha nova capa de rodaxe.
Finalmente, levaranse a cabo melloras e renovación de firmes en 11 camiños rurais do municipio, ubicados nas parroquias de Couso, Oca, Cereo, Seavia, Agualada, Castro e Traba.