Corte da rúa Xubias de Abaixo por obras no acceso aos aparcadoiros do Materno

1 minutes read

As obras de mellora do firme no acceso aos aparcadoiros do Hospital Materno Infantil da Coruña farán necesario un corte na rúa Xubias de Abaixo. O corte levarase a cabo no treito desta rúa que coincide coa subida ao hospital, que se manterá pechado nos vindeiros 12 días.

Os traballos consisten na demolición do pavimento actual e na execución dun novo en formigón, que precisa tempo de fraguado e polo tanto, un peche da circulación. O inicio do tramo no que se levará a cabo a intervención coincide co aparcadoiro que hai na zona de abaixo do hospital.

Estas restricións de tráfico foron comunicadas ao Concello da Coruña e para facilitar a mobilidade na área disporase a sinalización necesaria.

A Xunta puxo en servizo nesta contorna 23 prazas de aparcadoiro, 1 delas para persoas con mobilidade reducida, á disposición do persoal e dos usuarios do hospital. A adecuación de espazos de forma ordenada permitirá acadar 53 prazas.

Ademais a intervención completarase coa renovación da sinalización, como se fixo xa o ano pasado no hospital central.

As actuacións, cun investimento de 195.000 euros, forman parte dun contrato maior que recolle a mellora nos accesos noutros hospitais públicos da provincia, como os de Santiago, Ferrol, Cee e o Barbanza, cun orzamento global de 1 millón de euros.

O proxecto ten como obxectivo favorecer a mobilidade no contorno deste centro hospitalario, ofrecendo unha mobilidade máis cómoda e segura, tanto para os pacientes, como para o persoal sanitario que se achega cada día ás instalacións hospitalarias.