Este martes pola tarde confirmouse o falecemento de dous pacientes que estaban ingresados no CHUAC, un home de 92 anos e unha muller de 83. En Lugo morreu un home de 78 anos que estaba ingresado en planta e en Ourense faleceu varón de 90. Esta tarde coñeceuse tamén o falecemento dunha muller de 91 anos, que estaba ingresada no CHUF de Ferrol. Todos eles tiñan pataloxías previas.
Ademáis confirmáranse outros dous falecidos: un home de 83 anos, que estaba ingresado no Hospital da Mariña e que tiña patoloxías previas; e outro, de 61 anos, que estaba ingresado no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, e tamén tiña patoloxías previas.
O número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 1.521, un 20,8% máis que os rexistrados o luns após detectarse 262 novos positivos. Do total de infectados, 68 están ingresados na UCI, 393 en hospitalización e 1.060 permanecen nos seus domicilios. Diso informou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nunha conferencia de prensa ofrecida na tarde deste martes, en que deu conta de que hai 17 pacientes máis na UCI (+33%). Ademais, as persoas ingresadas en plantas de hospitais aumentaron en 73, o que supón un 22,8% máis.
Pola súa banda, hai 172 novos casos positivos que permanecen nos seus domicilios, o que supón un incremento do 19,37%. Segundo os últimos datos de Sanidade, na tarde deste martes os falecidos en Galicia con coronavirus elévanse a 23. Pola súa banda, xa recibiron a alta un total de 25 persoas.