COVID-19 Galicia: 6.637 casos confirmados e 498 falecidos

1 minutes read

Nas últimas 24 horas produciuse unha repunta de falecementos por coronavirus en Galicia, con 23 novas vítimas mortais da pandemia, que sitúan o número total de mortes en 498. Dos 23 decesos rexistrados, 16 son de usuarios de residencias e deles, nove producíronse nos xeriátricos e sete en hospitais. 

A Dirección Xeral de Saúde Pública informa de 103 casos activos máis da enfermidade, ata un total de 6.637 persoas infectadas na actualidade. A área sanitaria da Coruña é, un día máis, a máis afectada, e tamén a que máis crecemento de casos rexistra, con máis da metade (+65) dos novos contaxios reportados. 

No ámbito dos centros residenciais descende o número de persoas contaxiadas. Segundo a información oficial, hai 78 usuarios menos ca onte contaxiados e 29 profesionais menos. En total, o Sergas reporta 900 usuarios contaxiados e 360 empregados.

Do total de pacientes positivos, 92 permanecen en UCI, catro menos ca este mércores. Baixa tamén a 568 o número de pacientes ingresados en planta, mentras que un total de 5.977 están no seu domicilio. As altas continúan medrando, e coas 51 que se deron onte sitúanse nun total de 1.676. O número de PCR realizadas é de 76.129.