Creatividade e talento para dar o pistoletazo de saída ás Festas do Mar en Malpica

1 minutes read
  • O venres 23 celébrase o XIX concurso de barcanas e castelos de area

As Festas do Mar do concello de Malpica celebraranse na fin de semana do 22 de agosto, pero haberá actividades e troula durante varios días.

Sen ir máis lonxe, o venres 23, desde as 10:30 horas e ata ás 14:00 horas, terá lugar o XIX concurso de barcanas e castelos de area na Praia de Area Maior, organizado polo concello de Malpica e onde ademais colaboran a Deputación Provincial de A Coruña, SONPRES, Asociación de Amas de Casa de Malpica e a Asociación de Mulleres Redeiras Artesás Mar da Illa.

O prazo de inscrición rematará o venres 23 de agosto ás 11:00 horas e poderá realizarse no Departamento de Educación e Cultura do concello ata o día 22 de agosto, ou na Praia de Area Maior o día 23 deste mes.

Cada concursante só poderá participar cunha única obra que estará enmarcada dentro de algunha das 3 modalidades que existirán: infantil (ata os 10 anos), amateur (+ de 10 anos) e barcanas (barcanas tradicionais de area sen límite de idade).

No tocante ós premios, haberá 6: 1º, 2º e 3º na modalidade amateur, premio á mellor barcana, premio infantil e premio especial do público.

Todas as obras deberán realizarse na praia de Area Maior, dentro das zonas balizadas polo propio concello.