O PSOE de Muxía desminte as acusacións do PP polo proxecto da gardería infantil

2 minutes read

A candidata do Partido Popular á alcaldía de Muxía, Sandra Vilela, denunciaba este martes que «a gardería municipal non cumpre coa normativa e o goberno local terá que modificar o proxecto ante mesmo de que abra as súas portas». Vilela puxo sobre a mesa que era unha «chapuza» e que o rexedor “mentía” cando aseguraba ter un convenio asinado co Consorcio Galego de Benestar. Neste sentido, a líder do Partido Popular en Muxía lamentou que, unha vez máis, sexan os veciños os que paguen as consecuencias da “incapacidade de xestión” dun rexedor que, en lugar de escoitar á oposición, preferiu, dixo Vilela, facer as cousas mal.

Acto seguido o PSOE de Muxía desmentía nun comunicado á portavoz popular e afirmaba «recibir o apoio dun Consorcio Galego de Benestar moi sorprendido coas declaracións de Vilela».

O PSdeG-PSOE de Muxía quere desmentir “as falseades expostas pola portavoz popular, Sandra Vilela, e lembrar que a Escola Infantil de Muxía permanece pechada porque a Xunta de Galicia aínda non cumpriu co seu cometido que é amoblar a instalación”.

Tras o anuncio, a Xunta de Galicia e o propio departamento encargado de realizar a inspección quedaron sorprendidos coas declaracións de Vilela e desmenten e se desentenden das acusacións da candidata popular, tal e como fixeron chegar aos socialistas de Muxía, segundo o PSOE.

«A instalación, que xa pasou por todos os controis e aprobacións técnicas pertinentes, recibiu o visto bo dos inspectores da Xunta de Galicia que non detectaron ningún inconveniente para pasar o PIA. Ademais, nesa visita de inspección estiveron presentes a xerente adxunta do Consorcio, técnicos da Xunta de Galicia, así como a propia inspectora, todos eles quedando satisfeitos co resultado da intervención», afirman os socialistas.

O alcalde, Iago Toba quixo condenar o que definiu de “infundadas e arbitrarias declaracións da portavoz popular que tan só pretende rascar un puñado de votos neste ataque desesperado e totalmente inxusto. Aproveito para instar á portavoz popular a que faga público o documento que supostamente acredite que a instalación non cumpre cos requisitos técnicos”.

Toba engadiu que “tan só falta que a Xunta acabe o proceso de licitación do mobiliario, que polo que sabemos xa están niso, tal e como nos confirmaron desde a xerencia adxunta do Consorcio este martes”, concluíu.