Cruzamento de cartas entre Abel Caballero e Feijóo pola nova A-55

1 minutes read

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que o seu “apoio” á construción da nova autovía Vigo-Porriño “foi, é e será absoluto” e lamentou o “inmobilismo” do Goberno central respecto diso nunha carta remitida ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, na que, ademais, deixa claro que está “convencido da súa idoneidade como alternativa a unha das estradas con máis sinistralidade, como é a A-55”.

Abel Caballero, para responderlle, remitiu este venres unha carta a Feijóo reiterándolle que nas súas declaracións do 21 de xaneiro sobre a autovía en túnel entre Vigo e Porriño afirmou que “non se debía construír”.

“Con esta ministra opuxécheste totalmente á construción da autovía en túnel Vigo-Porriño, segundo as túas propias declaracións”, recolle a misiva, na que o rexedor olívico entende da carta que vén de recibir do presidente da Xunta que “estás rectificando e, polo tanto, ínstote a que te desculpes coa ministra e coa cidade. Rectificas porque eu alcei a voz en defensa da autovía e da cidade”.

En rolda de prensa, Caballero criticou que Feijóo negase “algo que dixo diante de toda a prensa de Galicia e que está gravado: que non era necesario facer a autovía a O Porriño en túnel. Como é unha insidia se o dixo el?”.