Cuarta vitoria da tempada para Javier Ramilo no Ralimix de Portas-Terras de Lantaño

Cedida.

Unha vez máis os Yacarcross volvían dominar na quinta proba do Campionato de Galicia de Ralimix celebrada esta fin de semana do 27 e 28 de agosto no municipio de Portas (Pontevedra).

Así, á cuarta vitoria da tempada de Javier Ramilo ‘Kobas’, que se facía co liderado provisional na terceira das cinco pasadas ao final da primeira xornada, e que xa non deixaría esa primeira praza grazas aos mellores tempos logrados na terceira e na cuarta manga, sumábase a segunda posición de Daniel Remuiñán, que gañaba a segunda pasada, e a terceira de Javier M. Carracedo, polo que os Yacarcross copaban o podio absoluto e de monoprazas clasificándose tamén en cuarta posición Abel Jurado con outro Yacarcross. A marca galega era a de maior representación entre os 29 Car Cross que participaron cun número de 16 e entre os que destacou a presenza de Ramón Palou, o pai de Álex Palou.

Non houbo tanta sorte na categoría de Turismos, onde Darío Calviño-Javier Martínez concluían segundos da mesma tras algún problema o sábado coa transmisión, gañando ademais a Agrupación 5. José Fernández e ‘Fredy’ Carballo retirábanse despois de completar a primeira pasada por un problema cos freos mentres Sandra García-Suso Romero tamén padeceron algunha avaría, sobre todo coa dirección, o que lles impediu loitar polas prazas de podio.