Foi o 25 de maio de 2018 cando persoal da TVG e da Radio Galega se uniu á iniciativa xurdida entre os seus compañeiros da Radio Televisión Española, en solidariedade coas súas demandas e para denunciar a manipulación nos medios da CRTVG. Tamén para reclamar o cumprimento da lei de Medios aprobada en 2011 e incumprida dende seis meses despois da súa entrada en vigor, coa creación do Consello de Informativos e a elección da dirección xeral por maioría reforzada do Parlamento entre os incumprimentos máis destacados.
Esta mobilización, na que xermolou o colectivo Defende a Galega, é inédita nos medios públicos galegos tanto pola súa duración como polo seu impacto interno e, sobre todo, externo -con fitos como a manifestación do pasado setembro ou o amplo seguimento da folga de finais de ano, convocada polos sindicatos e que o colectivo secundou-. Esa transcendencia pública da mobilización incomodou especialmente na cúpula da compañía pública.
Cadrando co primeiro aniversario das protestas de ‘Defende a Galega’ o director xeral da CRTVG detallou a «decisión corporativa» de obviar que lle fora concedido o premio José Couso primando a «protección da marca e da reputación» sobre «o dereito á información».