Daniel Remuiñán volve vencer en Piñor no Campionato de Galicia de Ralimix

1 minutes read

Daniel Remuiñán lograba o seu segundo triunfo na modalidade tras o conseguido tamén en Piñor en 2019. A localidade ourensá acollía esta fin de semana a terceira cita do calendario onde, a pesar de non gañar ningunha das cinco pasadas realizadas ao treito mixto de 8,45 km, facíase coa primeira posición grazas á súa gran regularidade e a non cometer erros. O primeiro líder provisional foi Javier Ramilo ‘Kobas’, pero na terceira manga facía un trompo e cedía o liderado a Remuiñán mentres na cuarta rompía a cadea. Ademais, a boa actuación dos Yacarcross completábase coa terceira praza de Abel Jurado e a quinta de Antonio Viloria.

A continuación clasificábanse José Fernández-Alfredo Carballo, que grazas á renda adquirida nos tres treitos do sábado se adxudicaban a categoría de Turismos co Volkswagen Polo GTI R5. Non tiveron sorte Darío Calviño e Javier Martínez, pois o Ferrari 360 Modena Proto non era o máis adecuado para a especial, moi estreita, ao que se sumaba a rotura dunha lamia na cuarta pasada. No que respecta ao Peugeot 208 Proto de Sandra García-Suso Romero, un problema coa caixa de cambios impedíalles completar a terceira manga, o que condicionaba o seu resultado final.