As concellarías de Igualdade e Normalización Lingüística presentan a nova edición do programa De landras a carballos, unha iniciativa pensada para reunir actividades culturais, educativas e lúdicas dirixidas ás familias e a infancia na fase entre os 5 e os 11 anos. O ciclo estenderase de febreiro a xuño, e desenvolverase nas Escolas do Xardín Agra de Caldas, sempre ás 18.00 horas.
Co obxectivo de fomentar a participación familiar, promover valores de igualdade, creatividade e pensamento crítico e ofrecer experiencias enriquecedoras para o crecemento persoal e comunitario, o programa inclúe propostas que van desde contacontos e obradoiros ata espectáculos de narración oral e dinámicas participativas.
A programación 2026 é a seguinte:
- 20 de febreiro — Eu son de ciencias
Público: a partir de 5 anos
Compañía: Trémola Teatro
Un contacontos que acompaña a Terra e a súa avoa nunha viaxe pola historia de grandes científicas, con experimentos científicos en directo. Duración: 45 min. - 20 de marzo — A historia en feminino
Público: a partir de 5 anos
Compañía: Asociación Lisístrata
Relatos sobre mulleres referentes en distintos ámbitos —científicas, aventureiras, escritoras, deportistas…— pensados para inspirar e visibilizar modelos positivos. Duración: 45 min. - 17 de abril — Contos, cantos, poemas e xogos
Público: a partir de 5 anos
Facilitadora: Marta Ortiz
Obradoiro sobre a importancia dos contos, a música e o xogo na educación infantil e na promoción da igualdade. Duración: 50 min. - 22 de maio — Odiseicas
Público: a partir de 5 anos
Artista: Sole Felloza
Espectáculo de narración oral que mestura tradición e creatividade para gozar das historias narradas en primeira persoa. Duración: 50 min. - 19 de xuño — Rachando co guión
Público: 6–11 anos
Compañía: A xanela do Maxín (Celtia Figueiras)
Obradoiro participativo que utiliza o xogo dramático e o teatro foro para reflexionar sobre a desigualdade de xénero, cuestionar estereotipos e promover convivencia inclusiva. Duración: 60 min.
Todas as sesións teñen capacidade para 30 nenos/as e están deseñadas para ser vividas en familia, coa intención de reforzar os vínculos afectivos e favorecer aprendizaxes significativas desde as primeiras idades.
Presentación do programa
A concelleira de Igualdade, Maica Ures, salientou que o programa “permite traballar a igualdade desde as primeiras idades, xa que ofrece diversos referentes e ferramentas para que as crianzas medren con espírito crítico nun espazo compartido coas súas familias”.
Pola súa banda, a concelleira de Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, subliñou que a iniciativa “combina lecer e aprendizaxe en galego, fortalecendo o vínculo da rapazada coa lingua propia a través de propostas atractivas e de calidade”.
O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, puxo en valor a colaboración entre áreas municipais para “consolidar un programa estable que converte as Escolas do Xardín nun punto de encontro para a cultura, a educación e a convivencia das familias”.
De landras a carballos é un proxecto sociocultural e educativo que xorde da colaboración entre diferentes áreas municipais para promover actividades infantís abertas á participación familiar, contribuíndo ao crecemento persoal e comunitario e ao desenvolvemento de valores como a igualdade, o respecto e a curiosidade. O programa constitúe un espazo de encontro entre a creatividade, a educación e a participación cidadá.