A pasada semana, os traballadores e as traballadoras dos medios públicos galegos foron recoñecidos co Premio José Couso Liberdade de Prensa. A acta do galardón a Defende A Galega destaca a súa mobilización “sen precedentes nos medios públicos galegos” e o feito de que este colectivo de persoal da TVG e da Radio Galega se “convertese no símbolo dunha pelexa pacífica e tenaz que desborda os límites da televisión e da radio públicas e que debera involucrar non só a toda a profesión xornalística senón ao conxunto da sociedade galega”.
Alégranos especialmente que sexa un premio votado polos compañeiros e compañeiras xornalistas, unha confirmación do apoio de moitos profesionais doutros medios cada venres negro. Entendemos este premio Couso como un recoñecemento á importancia do servizo público e á mostra de dignidade e responsabilidade profesional do cadro de persoal da CRTVG. E parécenos tamén unha chamada de atención sobre os atrancos que a liberdade de prensa enfronta nos nosos medios, tanto nos públicos como nos privados.