- O SEPRONA interceptou unha furgoneta con 286 quilos de produtos perecedoiros, entre eles diversas cantidades de ourizo, percebes ou ostras
O Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) da Coruña procedeu á denuncia de varias empresas por cometer graves infraccións relacionadas co envío e o transporte de produtos perecedoiros.
Os feitos sucederon por mor das sospeitas por parte das autoridades das actividades de transporte irregulares realizadas por varias empresas na Costa da Morte.
Despois dunha investigación, a Garda Civil comprobou que algunhas enviaban os seus produtos sen a preceptiva guía de transporte ou sen coincidir o contido transportado co declarado no documento. Ademais, algúns vehículos non tiñan instalado correctamente o isotermo, rompendo a cadea de frío.
O SEPRONA interceptou unha furgoneta con 286 quilos de produtos perecedoiros, entre eles diversas cantidades de ourizo, percebes, rodaballo, ostras e mexillóns entre outros.
Os produtos comisados foron entregados ao Banco de Alimentos da Coruña.