Denuncian “irregularidades” da Deputación de Ourense nas axudas pola COVID-19


O grupo provincial do PSdeG-PSOE denunciou “irregularidades” por parte da Deputación de Ourense na concesión de axudas a autónomos e pequenas e medianas empresas para facer fronte á crise da Covid-19 por estar “rexistradas fóra do prazo legal”.

O portavoz socialista, Rafael Rodríguez Villarino, sinalou que esta circunstancia afecta “683 solicitudes de persoas físicas e xurídicas que procederon ao rexistro da documentación en 12 de maio, un día antes de que comezase realmente o prazo” e asegurou que algunhas destas “xa foron pagas”.

Os socialistas atribuíron esta situación á “difusión de información privilexiada por parte de cargos do PP” coa intención de “dar axudas aos seus amigos”. Neste sentido, o deputado Ignacio Gómez acusou o PP de crear “unha trama de subvencións para premiar aos seus”.

O importe das subvencións directas ascende a 600 euros para os autónomos e até 1.000 euros para pemes, outorgadas por concorrencia competitiva segundo a orde de rexistro das solicitudes e até esgotar o crédito habilitado de 3.8 millóns para tal fin.

Rodríguez Villarino atribuíu este “modo de actuar dalgúns deputados do PP” á “procura dun lucro electoral” e á “política caciquil que caracteriza o goberno de Baltar”.