Denuncian o mal estado da zona de ocio situada no polígono de Bértoa, en Carballo

1 minutes read
  • A veciñanza, a través de Xuntos Carballo, demanda a limpeza e acondicionamento de fontes, grellas e bancos.

O secretario xeral de Xuntos Carballo M+J, Xesús Deus Gende, desprazouse ata a parroquia de Bértoa para atender varias queixas da veciñanza en relación ao mal estado no que se atopa a área de ocio situada ao carón da rotonda que dá acceso ao polígono.

A formación solicita que o goberno local proceda ao acondicionamento do lugar xa que na actualidade conta con elementos que poden poñer en perigo a seguridade dos cidadáns. Entre os problemas que relata a veciñanza atópase o mal estado dos bancos ou grellas, as fontes e as zonas onde xogan os nenos e os puntos de auga que «están inutilizados a pesar de presentar un cartaz no que se sinala que hai auga potable», apuntan desde o grupo. Tamén piden a limpeza da maleza e do lixo e a mellora das barandas exteriores xa que se atopan en «moi mal estado en varios tramos e coas puntas de ferro a vista», afirma Gende.