Deportivo e HM Hospitais renovan o seu acordo

1 minutes read

O presidente do Real Club Deportivo, Paco Zas, e o director territorial de HM Hospitais en Galicia, Rafael Silva, asinaron este martes a renovación do acordo a través do cal o Hospital HM Modelo prolongará a súa condición de centro médico oficial do club branquiazul durante a presente tempada.

Ademais das probas médicas e a atención sanitaria que o grupo hospitalario presta ao club desde hai anos, o acordo asinado este martes inclúe importantes novidades, como unha “campaña de sensibilización e de fomento de hábitos saudables que se está ultimando e se presentará proximamente”, segundo adiantou o director territorial de HM Hospitais. Trátase dunha acción que se prolongará durante o próximo ano co fin de trasladar á afección do Dépor e a toda a sociedade a importancia de coidar a súa saúde no día a día. Para iso contarase coa excepcional axuda dos deportistas do Club, que son un referente para seguir, especialmente para os máis novos.

Nesta liña tamén se enmarca a Semana Cardiovascular que HM Hospitais levará a cabo por quinto ano consecutivo a finais de novembro e na que participarán futbolistas do club coruñés co fin de sensibilizar á poboación sobre a necesidade de manter unha vida saudable que contribúa a previr eventuais problemas cardiovasculares.

O acordo inclúe tamén a presenza de HM Hospitais nunha vala LED perimetral durante os partidos, unha visita dos xogadores do primeiro plantel do Deportivo a HM Modelo e das xogadoras do Deportivo feminino á Maternidade HM Belén, onde “se están ultimando as obras postas en marcha este verán co fin de ofrecer unhas instalacións totalmente renovadas e novos servizos ás familias e especialmente ás nais que dan a luz”, explicou Rafael Silva.