Deputación da Coruña e Concello de Miño colaboran no problema da débeda do caso Fadesa

1 minutes read

O alcalde de Miño Manuel Vázquez Faraldo agradeceu «o importante apoio técnico, económico e xurídico que a Deputación da Coruña está prestando ao Concello de Miño para axudarnos a buscar solucións para a débeda con Fadesa» e afirmou que o goberno municipal está traballando para «encauzar o maior problema que ten Miño» e «buscar unha saída» que permita saír desta delicada situación económica e aliviar o efecto negativo dunha débeda que xa supera os 22 millóns de euros, alargando os prazos de devolución dos créditos. «Creo que haberá novidades positivas», apuntou.


«Somos conscientes de que o goberno municipal hereda unha situación económica moi difícil e dende a Deputación da Coruña estamos poñendo ao dispor do goberno municipal todos os recursos dispoñibles para colaborar con eles na bsuca de solucións que non hipotequen o futuro dos veciños do municipio», afirmou o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, que apuntou que xa se produciron numerosas reunións cos servizos de Intervención, Asistencia aos Concellos e Asesoría Xurídica para abordar este asunto.
Formoso apelou tamén á «sensibilidade e flexibilidade» do Ministerio de Facenda «para adaptarse ao gran esforzo que está facendo o Concello de Miño para poder cumprir coas súas obrigas financeiras sen deixar de atender os servizos públicos».