Deputación e Concello cofinancian a construción de dúas sendas peonís en Arteixo

1 minutes read

As obras suporán a construción dunha senda peonil de 441 metros de lonxitude e 1,8 metros de anchura na marxe dereita da estrada AC-552, entre os núcleos de Quinto Pino e A Maceira, na parroquia de Pastoriza. Esta iniciativa permitirá conectar ás sendas existentes na zona -unha delas desde o núcleo de Quinto Pino ata a AC-552, e a outra na entrada do núcleo da Maceira- de forma que ambos lugares conten cunha vía de comunicación acondicionada para os peóns. A actuación inclúe a adaptación do ancho da beirarrúa existente á entrada á Maceira.

A outra actuación proxectada no municipio permitirá comezar coa primeira fase de construción dunha senda de algo máis de 300 metros de lonxitude en Laxobre, na parroquia de Arteixo. Os traballos levaranse a cabo na marxe esquerda do vial municipal CM-0295. A iniciativa contempla a mellora do firme e ampliación da plataforma co obxectivo de incrementar a seguridade desta vía, que soporta unha elevada carga de tráfico, mellorando á súa vez a comunicación da poboación que reside na contorna.