Desactivado o Plan Territorial de Emerxencias tras darse por controlado o incendio de Boiro


A Xunta de Galicia desactivou este domingo o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (PLATERGA) tras darse por controlado o incendio declarado na fábrica conserveira de Jealsa. Segundo as primeiras valoracións dos técnicos, máis de 10.000 m2 das instalacións da fábrica situada na zona de Bodión, en Boiro, foron arrasadas polas lapas.

Os servizos de emerxencia seguen traballando no lugar para vixiar a evolución dos rescaldos activos remanentes do incendio.

De feito, para facilitar as tarefas dos equipos de intervención que continúan no punto, o Grupo de Apoio Loxístico (GALI) da Axencia Galega de Emerxencias puxo á súa disposición 12.000 litros de auga.

Os drons da AXEGA sobrevoaron o perímetro industrial afectado, co fin de visibilizar os danos provocados polas lapas. O uso das cámaras termográficas axudou a identificar as partes máis comprometidas da estrutura e centrar a atención nos focos aínda activos.

O operativo de extinción púxose en marcha ao redor das dúas e media da tarde do sábado, cando o 112 Galicia comezou a recibir as primeiras chamadas dos particulares que informaban dun incendio nunha nave.

A partir dese momento, os Bombeiros de Boiro, Ribeira, Ribadumia, Santiago e Arzúa, os membros do GES de Noia, Sanxenxo e Muros, os efectivos de Protección Civil de Boiro, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Noia e Cambados, equipos de Salvamento Marítimo e Gardacostas Galicia traballaron arreo para controlar o incendio.

Cómpre sinalar que para prestar apoio aos equipos de intervención, os xestores do 112 tamén pasaron aviso ás dotacións do Servizo Provincial de Incendios, técnicos da empresa subministradora de enerxía da zona, axentes da Policía Local, da Garda Civil e as autoridades medioambientais da Xunta de Galicia.

Igualmente, solicitouse, por precaución, a presenza dos servizos sanitarios aínda que, afortunadamente, non houbo que lamentar danos persoais.