Os servizos sanitarios atenderon no punto a algún dos veciños pero ningunha persoa tivo que ser trasladada.
Todo parece indicar que o lume iniciouse no salón dunha das vivendas do edificio situado na Rúa de Darwin, en Perillo, na localidade de Oleiros.
Ás 7:30 horas da mañá do día 1 os servizos sanitarios comunicaban ao 112 Galicia que enviaban unha UVI móbil para dito enderezo, indicaban que ardía un salón dunha casa e que había tres persoas no interior da vivenda que non podían saír.
Ata o lugar acudiron de inmediato os Bombeiros de Arteixo, a Policía Local e os efectivos do Servizo Municipal de Emerxencias da localidade, tras ser alertados polo 112 Galicia.
Unha vez no punto, os Bombeiros confirmaron que as lapas xa foran extinguidas, pero que continuaban no lugar coas tarefas de ventilación. Indicaron que ardeu o salón e a cociña na súa totalidade e que o resto da vivenda resultara afectada polo fume.
Finalmente, os Bombeiros indican que os veciños do resto das vivendas do edificio xa van regresando para as súas casas á vez que comproban que as correspondentes medicións dos gases son correctas.
Así mesmo, os axentes da Policía Local indicaron que foran unhas quince persoas as desaloxadas en total, das cales, tres ou catro foran atendidas no mesmo punto polos servizos sanitarios de urxencia ao padecer algún episodio, de carácter leve, de insuficiencia respiratoria. Por fortuna, ningún veciño tivo que ser trasladado.