Descontos insuficientes nas peaxes galegas

3 minutes read

O próximo 1 de Outubro, unha vez que o Consello da Xunta dea luz verde, acabarase co inmobilismo tarifario nos catro viarios de pago da nosa Comunidade Autónoma. Aplicaranse descontos nocturnos na AG-55, A Coruña-Carballo e na AG-57, en Val Miñor. A contía será do 50% e o horario, entre as 12 da noite e as 6 da madrugada coa obrigatoriedade de ter tele-peaxe, a tal fin. Por tanto, haberá descontos directos non bonificación específica.

Hai unha previsión de beneficiar 200.000 autos ao ano cun custo de 250.000 euros para a tesourería autonómica. A intención do executivo presidido por Feijóo é, segundo as súas palabras, reducir a sinistralidade ao mesmo tempo que se incrementa o tráfico nocturno por estas vías. Ademais, presumiu de contar coas autoestradas máis baratas de España. Tamén espera que o seu modelo se exporte ao Estado, quen ostenta a titularidade da AP-9, onde non hai bonificacións para os transportes pesados e só se rebaixan os traxectos de ida e volta na mesma xornada.

Con estas medidas as autoestradas galegas deixarán de ser as únicas que non contan con tarifas horarias, nin bonificacións a usuarios frecuentes, nin rebaixas a colectivos. Destacar, que no anteproxecto de Lei de Impulso Demográfico de Galicia exponse como un dos compromisos expresos da Administración autonómica, aplicar bonificacións para o colectivo de familias numerosas (23.000 rexistradas en Galicia). Exemplos deste tipo de bonificacións fora do ámbito galego temos varios, na AP41 entre Madrid e Toledo, así como na AP7 entre Cartaxena e Vera, onde se aplica un 10 % de desconto, ao colectivo citado. Ademais, outros colectivos como os menores de 25 anos, maiores de 65, xubilados, familias con rendas baixas ou discapacitados contan con rebaixas de entre o 5 e o 10% adicionais a outros descontos, en diferentes viais.

Con todo, subxace no imaxinario colectivo a percepción de que as peaxes, son, non só caros, senón tamén que deberían estar xa, máis que amortizados, ben polo pago de impostos, ben por exceder os límites de concesión no tempo e unha perpetuación ad infinitum nas prórrogas; considerando, ademais, as argumentacións a tal fin, de pouco peso específico.

Por outra banda, desde diferentes asociacións vense apuntando que, tanto estes descontos como estes horarios son claramente insuficientes, manifestando mesmo en petit comitté a posibilidade de chegar a mobilizacións de protesta. Sinalando de forma clara e manifesta que estas medidas de desconto, en horario de pouco uso non solucionan apenas nada a economía dos usuarios, os cales, xa pagaron moito diñeiro e durante moito tempo o uso das mesmas.

Mentres a política dá os primeiros tímidos pasos, a sociedade galega vai por diante, reclamando desde hai tempo avances claros neste campo, en aras de conseguir un menor custo para o usuario de autoestradas e conseguir vertebrar as comunicacións en Galicia dunha forma máis xusta. Algo fundamental, tanto económica como socialmente, e que non debe estar sometido a un beneficio económico, considerado abusivo, o cal vai máis aló dun mantemento en condicións óptimas das autoestradas.

ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO