Carballo acollerá o domingo 7 de xuño unha nova edición da 10k – Carreira Popular Concello de Carballo, que neste 2026 celebra a súa décimo cuarta edición e consolídase como unha das citas deportivas de referencia na comarca.
O prazo de inscrición estará aberto desde o luns 13 de abril e poderá formalizarse a través da páxina web www.carreirasgalegas.com.
A proba, organizada polo Concello de Carballo a través da Concellaría de Deporte, contará con dúas distancias para persoas adultas: 10 e 5 quilómetros, ambas homologadas pola Federación Galega de Atletismo. Ademais, haberá probas específicas para categorías base, dirixidas a nenas e nenos nados dende o ano 2023 en adiante.
A carreira forma parte do XII Circuíto de Carreiras Populares da Deputación da Coruña, reforzando así o seu carácter competitivo e participativo.
No tocante ás inscricións, serán de balde para as categorías base, mentres que as persoas adultas deberán pagar unha cota de 5 euros.
A xornada deportiva dará comezo a partir das 10:00 horas e contará con todos os servizos necesarios para participantes e público, nun ambiente festivo e familiar que combina deporte, saúde e convivencia.
Dende o Concello de Carballo animan a toda a cidadanía a participar nesta cita deportiva, que cada ano reúne a centos de persoas e contribúe á promoción de hábitos de vida saudables.