Mellorar a atención urxente aos nenos e nenas con politraumatismos é o obxecto central da tese de doutoramento do cirurxián pediátrico do Servizo de Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo e investigador do Grupo de Enfermidades Raras e Pediatría do IIS Galicia Sur, Javier Gómez Veiras, que defendeu, recentemente, na Universidade de Santiago de Compostela (USC).
A tese, que foi cualificada cun sobresaínte cum laude, tenpor título “Elaboración dunha lista de verificación para a asistencia inicial ao traumatismo pediátrico”. Neste estudo, o doutor Gómez Veiras establece unha ferramenta mnemotécnica -a través dunha lista de verificación- de gran axuda para o diagnóstico e tratamento da poboación infantil que presente politraumatismos, facilitando este labor aos facultativos, independentemente da súa experiencia e formación específica.
Para a elaboración da súa tese, o doutor Javier Gómez deseñou un proceso de ideación para o que estableceu contacto cos nove centros hospitalarios pertencentes ao Grupo Español de Trauma Pediátrico, coa finalidade de poñer en común información, suxestións e procedementos e implicalos no deseño do check list.
Para este paso, empregouse a metodoloxía Delphi, co fin de acadar un consenso entre expertos sobre todos os elementos e aspectos que deberían figurar nesta lista, valorándose de forma anónima os ítems de discusión. Tras facer tres roldas de consultas, xurdiu un modelo definitivo consensuado polos integrantes de Grupo Español de Trauma Pediátrico, sendo a primeira vez que unha metodoloxía como a proposta polo doutor Gómez Veiras é consensuada por este grupo e polos nove centros que o conforman.