Desmantelan un dos clans da droga máis activos das Rías Baixas


A operación comezou coa incautación de media tonelada de cocaína en Ribadeo, procedente de Suramérica, onde varios membros do clan se encargaran de adquirila e preparar o seu envío. Catro dos arrestados son de nacionalidade española, pero a sorpresa saltaba coa detención de dous serbios, pertencentes ao denominado clan dos Balcáns, un grupo de excombatentes con sona de violentos, que colaboraban na distribución da droga por distintos países europeos. Despois do operativo en Ribadeo, os axentes rexistraron sete inmobles en Vilagarcía, Vilanova de Arousa e Caldas. Foron intervidos vehículos de alta gama, cartos, armas e documentación relacionada co entramado empresarial creado para darlle aparencia legal á actividade delituosa. A operación foi liderada pola Unidade Central Operativa da Garda Civil, UCO, en colaboración con axentes da DEA, a axencia estadounidense contra o tráfico de drogas.