Detectados catro novos casos de gripe aviaria en gaivotas localizadas en Galicia


A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección de catro exemplares de gaivota afectados por influenza aviaria de alta patoxenicidade (IAAP), confirmados polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid).

Así, tres gaivotas foron detectadas na mesma localización, na parroquia de Morás no concello de Xove (Lugo) e unha cuarta no concello de Sada (A Coruña). Ao tratarse de tres individuos detectados na mesma localización, considéranse un único foco notificable polo que se elevarían a 24 o total de focos reportados desde Galicia en aves silvestres.

Trátase de catro gaivotas patiamarillas (Larus michahellis) recollidas no marco do Plan de vixilancia da influenza aviaria que desenvolve a Xunta de Galicia. Os exemplares foron achados mortos e trasladados aos Centros de Recuperación de Fauna Silvestre de Oleiros (A Coruña) e de O Veral (Lugo), onde se realizou a preceptiva toma de mostras seguindo o protocolo establecido entre a Consellería do Medio Rural e a Consellería de Medioambiente, Territorio e Vivenda. Os cadáveres foron eliminados de acordo aos procedementos de xestión autorizados.