Detido por estafar en liña case cinco mil euros a unha empresa de Arteixo

1 minutes read

A Garda Civil desarticulou un grupo dedicado a estafas telemáticas por mor da denuncia presentada por unha empresa radicada no polígono de Sabón, en Arteixo. A operación, denominada Mimbra, foi desenvolta por axentes do equipo especializado da Comandancia da Coruña co apoio da Policía Xudicial de Orgaz, en Toledo, quen tras solicitar información e desenvolver diferentes investigacións detiveron a un home brasileiro de 44 anos, pero veciño de Madrid, por un delito de intrusión informática e outro de estafa.

A investigación iniciouse pola denuncia da empresa coruñesa, que alertou aos axentes de que detectaran unha transferencia fraudulenta por valor de 4.999 euros desde a súa conta de banca en liña e que non era posible cancelar a operación. Os técnicos do insituto armado puideron descubrir que se utilizou un malware espía, inxectado no computador da empresa, para capturar os datos de acceso á banca en liña, de modo que mentres a tesoureira realizaba o seu traballo, o estafador executou en segundo plano a transferencia a outra conta ao conseguir a clave criptográfica enviando unha mensaxe á pantalla da traballadora simulando que debía introducir o código de seguridade, cando en realidade se tratata da confirmación dun traspaso inmediato de diñeiro, sen posibilidade de cancelación.

A Garda Civil logrou con todo conxelar o diñeiro, evitando que fose desviado a outra conta. O detido contaba xa con antecentes por delitos similares. Os axentes remitiron o caso ao xulgado de Instrución de garda da Coruña.