O Equipo Roca da Compañía da Garda Civil de Carballo, detivo a unha persoa, como presunto coautor de dous delitos de roubo e un delito de incendio. Os feitos sucederon por mor dun lume producido o pasado mes de outubro nunha vivenda de Fisterra no que resultaron feridos dous dos bombeiros que traballaron nos labores de extinción.
A Garda Civil investigou os feitos en aras do seu esclarecemento, pescudando no transcurso da investigación que devandito incendio gardaba relación co roubo no interior dun vehículo acaecido o mesmo día nesa localidade, no cal subtraeran unhas chaves da vivenda danada.
Os autores dos feitos fixeron uso das mesmas para acceder á vivenda, subtraendo 27.500 euros en metálico, varios reloxos, unha cadea e unha cruz de ouro e un terminal de telefonía móbil de alta gama, provocando posteriormente o incendio da vivenda coa intención de ocultar o roubo.
A Garda Civil detivo na primeira fase da investigación a un veciño da Coruña como presunto autor dos ilícitos, continuando coa mesma dado que varios dos indicios achados indicaban a posible existencia dun coautor dos mesmos. Tras a análise minuciosa da información solicitada nesta fase, a Garda Civil logrou a identificación plena da identidade do presunto coautor procedendo á súa detención.
O detido xunto coas actuacións realizadas, foi posto ao dispor do Xulgado de Instrución Número 2 de Corcubión, como presunto coautor de dous delitos de roubo e un delito de incendio.