Detido un larachés como autor do roubo con violencia nun estanco da Silva en Cerceda

2 minutes read

A Policía Xudicial da Garda Civil de Santiago, procedeu á detención dun individuo pola comisión dun roubo con violencia e intimidación, no estanco situado na avenida da Paz da localidade da Silva en Cerceda, o pasado 14 de maio. O feito foi cometido por un home que, para evitar ser identificado, vestía un buzo de traballo de cor azul, cubría a súa cabeza cun gorro, e aproveitando a actual situación de alerta sanitaria, utilizaba para ocultar o seu rostro unha máscara sanitaria, así como unhas luvas de látex nas mans para non deixar pegadas. Desta maneira, non espertou sospeitas cando accedeu ao interior do estanco coma se tratásese dun cliente máis. Ata que esgrimiu un coitelo de grandes dimensións que levaba escondido. Mostroullo de forma ameazante á única empregada do estanco e sen dicir un chío foise directamente a por a caixa rexistradora. Ao non conseguir abrila para apoderarse da recadación que contiña, optou por arrincala bruscamente do seu emprazamento e levarlla á carreira.

Material intervido pola Garda Civil.

Xusto cando saía do estanco deuse de bruzos co propietario do negocio que alertado polos berros da súa empregada acudiu no seu auxilio. Coa axuda dun veciño tentaron frustrar o roubo, pero a pesar dos seus esforzos non conseguiron evitar que o atracador subise ao seu vehículo, logrando fuxir do lugar. A matrícula deste vehículo resultou ser falsa, pero iso non foi impedimento para abrir diversas liñas de investigación que, apoiadas tamén na recollida de evidencias no lugar dos feitos permitiron avanzar na investigación desenvolvida polo Equipo da Policía Xudicial de Santiago.

Froito das pescudas realizadas centráronse os servizos operativos en quen de seguido sería detido, un veciño da localidade da Laracha de 42 anos de idade. Practicada a súa detención na mañá do día 25, e solicitada á autoridade xudicial a entrada e rexistro do seu domicilio, foi autorizada e practicada esa mesma tarde, permitindo a recuperación de diversos efectos supostamente utilizados para a comisión do feito delituoso, así como inspeccionado o vehículo utilizado para o desprazamento e fuxida. Posto ao dispor do Xulgado de Instrución en funcións de Garda da Coruña, decretouse o seu inmediato ingreso en prisión.