A Brigada da Policía Xudicial da Policía Nacional detivo a un cidadán camerunés residente en Alcalá de Henares (Madrid) dedicado a realizar estafas utilizando as novas tecnoloxías. Segundo sinala a Garda Civil nun comunicado, os feitos desenvolvéronse por mor da denuncia interposta no cuartel de Carballo, na que a vítima, unha empresa situada no municipio, explicaba que fora vítima dunha estafa por valor de 40.000 euros, dos cales perdeu finalmente 20.000, na compravenda dun vehículo.
A estafa realizáranlla co coñecido método da “FACTURA” consistente en “o hackeo do computador da empresa, mediante un malware, co fin de coñecer as xestións que desenvolven con esa dirección, nome e cargo do usuario e correo electrónico, «conseguindo así os datos financeiros confidenciais da compañía». Unha vez que obtiveron a información suplantaron a identidade dun responsable das operacións corporativas e tras iso empezaron a operar realizando distintos envíos de correos electrónicos ao contable da empresa, facéndose pasar por un provedor habitual, e indicándolle un número de conta bancaria diferente á habitual onde debían de ingresar os abonos”.
O equipo @Coruña da Garda Civil tras a investigación, puido determinar que o detido suplantaba a identidade dunha empresa de compravenda de vehículos, para enganar ás vítimas, facéndolles crer que pagaba as facturas á empresa suplantada, sendo realmente enviado o diñeiro a unha conta bancaria distinta. Os 20.000€ tras entrar na conta bancaria “ponte” pasaban outras contas para posteriormente ser extraídos por parte do detido mediante presenza física en entidades bancarias e caixeiros da zona de Madrid. Ao detido constábanlle antecedentes por feitos delituosos por delitos contra o patrimonio, foi posto a disposición xudicial dos xulgados de Alcalá de Henares.