Dezaoito emprendedores poderán utilizar o Coworking de Carballo a partir do 1 de marzo

1 minutes read
  • O proxecto está centrado na promoción dos sectores cultural, tecnolóxico, turístico e social

O 1 de marzo empezará a funcionar o Coworking do Concello de Carballo, un espazo de traballo compartido que facilitará a 18 novos/as emprendedores/as ou empresas de menos de dous anos de antigüidade a posibilidade de dispoñer non só dun local, senón tamén dunha serie de servizos e infraestruturas que contribuirán a mellorar as súas posibilidades de éxito. A sede deste novo servizo, impulsado dende a Concellaría de Promoción Económica e incluído na Rede Provincial de Espazos de Traballo da Deputación Provincial da Coruña, será o 2º andar da nave 1 do Fórum Carballo.

O prazo de solicitude estará aberto a partir deste sábado, 29 de febreiro, a través da sede electrónica do Concello de Carballo.

O coworking pretende impulsar a creación, posta en marcha e consolidación de empresas vinculadas, preferentemente, aos ámbitos “da cultura, as novas tecnoloxías, a rexeneración urbana, o benestar e os servizos ás persoas, sector audiovisual, turismo ou investigación e iniciativas que formen parte da economía social”, tal como figura no regulamento de funcionamento.