A conselleira do Mar, Rosa Quintana, explicou que a Xunta está disposta a asumir a xestión e tramitación das indemnizacións para compensar aos profesionais da ría do Burgo polas obras de dragaxe do esteiro sempre e cando o Goberno central transfira á comunidade os fondos necesarios para facer fronte a eses pagos. A representante do Executivo galego aclarou que esa fórmula tería que executarse mediante a sinatura dun convenio de colaboración entre as partes que recolla os recursos a destinar e as obrigas de cada parte.
Rosa Quintana manifestouse así trala reunión mantida cos representantes da confraría de pescadores da Coruña, onde lle expuxeron a proposta que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico lles transmitiu nun encontro mantido onte por videoconferencia, motivo polo que non asistiu ningún representante da Administración estatal -malia que estaba previsto- á xuntanza celebrada na sede da confraría.
Ante esta situación, a titular de Mar subliñou que o Executivo galego pedirá as explicacións e aclaracións pertinentes ao Estado sobre unha reunión á que a comunidade non foi invitada. “Nós estamos a apoiar ao sector. Son 80 familias que necesitan o noso apoio e, se o Goberno central considera que é moi gravoso para el tramitar 80 expedientes de subvención, nós podemos facer a tramitación administrativa sempre e cando exista ese convenio no que o Estado faga chegar o importe correspondente para pagar as indemnizacións”, aseverou Rosa Quintana.
26