Diego Calvo visitou Muxía para comprobar o traballo do servizo de socorrismo contratado co apoio da Xunta 

1 minutes read

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou este martes Muxía para comprobar o traballo realizado polo servizo de socorrismo contratado co apoio da Xunta a través dunha orde de axudas dotadas con 1,5 millóns de euros. Este ano a cifra de concellos beneficiarios ascendeu a 194, fronte aos 182 de 2024. A Coruña é a que suma máis municipios con achegas, con 60, seguida de Ourense, con 55, de Lugo, con 41, e de Pontevedra, con 38.

Segundo explicou o conselleiro, a través desta convocatoria de axudas para a prestación do servizo de vixilancia, rescate e salvamento nos espazos acuáticos naturais e en instalacións acuáticas descubertas, o Goberno galego contribúe a cubrir os gastos da contratación destes profesionais entre o 1 de xuño e o 30 de setembro. O obxectivo é garantir a seguridade nas praias, piscinas ou outras instalacións acuáticas durante os meses de verán.

Esta subvención foi concedida en réxime de concorrencia competitiva, de xeito que todos os concellos solicitantes recibiron axuda. As achegas foron asignadas segundo os criterios de valoración establecidos nas bases da convocatoria como o número de zonas de baño inscritas no Rexistro de Augas de Baño de Galicia, número de areais con bandeiras azuis en 2024, a poboación do concello, a adhesión ao Plan de Protección Civil de Salvamento nas Praias de Galicia (Sapraga) o pasado ano e a declaración de municipio turístico galego.

Deste xeito, pese a que a vixilancia de praias e lugares públicos de baño e o seu mantemento compete aos concellos, a Xunta, no marco do seu compromiso cos servizos de emerxencias locais, contribúe a fomentar a prestación do servizo de socorrismo por parte dos municipios nas épocas de maior concorrencia, como é a tempada estival.