Con estes galardóns a Consellería de Cultura, Educación e Universidade recoñece as mellores traxectorias académicas do alumnado universitario galego, o seu traballo, esforzo e excelencia. Para tal fin, o departamento de Educación destina un orzamento de 339.500 euros. Cada un dos galardoados acada un premio de ata un máximo de 3.500 euros e un diploma acreditativo, o que supón un recoñecemento institucional e un valor engadido para o seu currículo.
Estes premios están dirixidos ao alumnado universitario que cursase de forma íntegra os estudos da titulación universitaria pola que opta ao premio nas universidades do SUG, e que teña acadado unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 8,5 puntos, para o alumnado das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde; e 7,5 puntos, para o alumnado da rama de Enxeñaría e Arquitectura.