Dixitalizado o Atlas da Paisaxe dos Camiños Xacobeos

1 minutes read

Esta semana quedou activa unha páxina web para garantir o acceso de toda a cidadanía á versión dixital do Atlas da Paisaxe dos Camiños Xacobeos, un documento publicado en formato papel no ano 2022 cun total de 83 ortofotos históricas e actuais que permiten comprobar a evolución da paisaxe pola que discorren as diferentes rutas xacobeas ao longo dos últimos 50 anos.

O libro dixital, ademais, inclúe 241 fotografías nun volume de 770 páxinas agrupadas en 65 capítulos, 1 por cada etapa das 9 rutas seleccionada: o Camiño de Inverno; a Vía da Prata; o Camiño portugués; a Ruta do mar de Arousa e río Ulla; o Camiño Inglés, o Camiño do Norte, o Camiño Primitivo, o Camiño Francés e o Camiño de Fisterra e Muxía.

Todos os documentos gráficos preséntanse en alta calidade nunha narración a catro páxinas e en tres idiomas —galego, castelán e inglés— que, grazas ao fío condutor do Camiño de Santiago, permite coñecer as diferentes paisaxes galegas tanto naturais como construídas.