A Garda Civil de Vimianzo detivo a dous veciños da Coruña por un delito de tráfico de drogas ao ser interceptados con máis de 4 quilos de haxix no seu poder. Os feitos iniciáronse cando a Garda Civil tivo coñecemento de que, aproveitando o Estado de Alarma, se produciu un aumento do movemento e tránsito de substancias estupefacientes nas diferentes vías de comunicación da Costa da Morte. Este aumento viña acompañado da utilización das medidas de protección (máscaras) ante a pandemia provocada polo COVID-19 para evitar a súa identificación e recoñecemento por parte das Forzas de Seguridade.
As investigacións levadas a cabo permitiron que, nun dos diferentes controis realizados pola Garda Civil en Cee, se procedese a dar o alto a un vehículo ocupado por dous veciños da Coruña. A actitude nerviosa e evasiva dos ocupantes, así como a falta dunha explicación coherente da súa presenza na zona, levantou sospeitas entre a forza actuante, polo que realizaron unha inspección minuciosa do vehículo achando no seu interior unha bolsa na que se atopaban escondidos máis de 4 quilos de haxix repartidos en diferentes envolturas que no mercado podería superar os 15.000 euros. Ademais da droga, foron incautados varios teléfonos, o vehículo utilizado e diñeiro en efectivo.
Tras a intervención, os detidos foron postos ao dispor da Xuíza do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Nº 2 de Corcubión, que, tras a pertinente toma de manifestación, ordenou o ingreso de ambos no Centro Penal de Teixeiro. Continúan as investigacións destinadas a esclarecer a posible participación doutras persoas na comisión deste delito contra a saúde pública e non se descartan novas detencións.