Dous focos positivos por sars-cov-2 en granxas de visóns de Negreira e Sobrado dos Monxes

1 minutes read

A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA) a existencia de dous focos de positividade por SARS-CoV-2 en granxas de visón americano de Negreira e Sobrado dos Monxes.

No caso da de Negreira -que conta con 2.100 femias reprodutoras- detectáronse dous animais positivos na última mostraxe realizada, mentres na de Sobrado dos Monxes -con 7.500 reprodutoras- houbo tamén dous positivos por SARS-CoV-2.

Tras a detección destes focos, as dúas granxas foron inmobilizadas e procederase a continuar a vixilancia e control por parte dos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural, para realizar un seguimento e determinar as actuacións a levar a cabo.

A detección destes focos realizouse no marco das actuacións desenvolvidas ao abeiro do “Programa de prevención, vixilancia e control de SARS-CoV-2 en granxas de visóns americanos en España”, elaborado polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación e o Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias (CCAES) -dependente do Ministerio de Sanidade- e no que colaborou activamente Galicia. Estas accións, nas que está implicada tamén a Consellería de Sanidade, inclúen non só a toma de mostras rutineiras nos animais cunha periodicidade quincenal senón tamén a realización de probas aos traballadores das granxas.

Nestas comunicacións incidíase no incremento das medidas de bioseguridade nas explotacións e fundamentalmente no relativo a evitar a transmisión do virus a través de persoas infectadas, dado que é esta a principal vía documentada de contaxio para estas granxas.