Dous murais artísticos deixan pegada carballesa en Portugal

1 minutes read

Dúas intervencións de artistas de arte urbana de Carballo como son Laura Tova e O´Mighelo deixarán pegada na Guarda da Feira Ibérica de Turismo en que a Deputación da Coruña foi destino convidado. Neste caso, a proposta é do Concello de Carballo, coñecido internacionalmente pola colección de arte que se expón nas paredes dos seus edificios.

«Facémolo na Guarda e non noutro lado porque estamos no vértice dun triángulo que destaca por esta arte. Guarda, Covilhã e Viseu teñen festivais de arte urbana consolidados, e un público acostumado a ver obras deste tipo na rúa e, por tanto, tamén temos un potencial cliente que se pode desprazar para ver estas pinturas», explica o deputado provincial de Turismo e edil en Carballo, Xosé Regueira.

Os artistas carballeses Laura Tova e O’Mighelo, do proxecto Derrubando Muros con Pintura -que leva desde o ano 2014 convertendo á capital bergantiñá nun auténtico museo ao aire libre- foron os encargados de pintar os dous murais que xa locen case rematados nunha parede próxima ás inmediacións da FIT. «Sempre quixemos poñer en valor o sector de artistas que temos en Carballo. Por iso trouxemos a un home e unha muller que xa teñen obras materializadas no noso museo ao aire libre. Agardamos, tamén, que o seu paso pola FIT sirva para reivindicar ese papel dos artistas locais na arte pública de Carballo», engade Regueira.