Duodécima vitoria do Obradoiro para certificar a salvación matemática

Cedida.

Obradoiro alcanzaba a súa duodécima vitoria no Wizink Center da capital de España #ante Movistar Estudantes por 83 a 94. Desta maneira, consolida a salvación e consegue a certificación matemática da permanencia un ano máis na liga ACB, sen máis esperas nin a expensas doutros resultados.

Por outra banda, o bo partido de Obradoiro arrastraba a salvación colateral de Betis e Fuenlabrada, deixando a loita pola permanencia entre tres equipos: Guipúscoa, Bilbao basket e o propio Estudantes, en espera do que as próximas xornadas vaian deparando. Tan só un dos tres conseguirá o obxectivo de eludir o descenso e aínda que Estudantes, con 9 vitorias, está 2 por encima da parella de equipos vascos, só réstalle por disputar un encontro, mentres que aos de san Sebastián quedan 4 e aos de Bilbao, con secuelas covid19, 5. Sen dúbida, un final apaixonante e os do Ramiro de Maeztu que tras a súa derrota, métense nunha lea coa que non contaban.

Pola súa banda, Obradoiro lograba a primeira vitoria como visitante ante Estudantes da súa historia, logrando ao fin profanar a única pista ACB que quedaba. Afástase de toda posibilidade de perigo gañando ademais o averaje particular, que neste caso, e dada a distancia da relación entre encontros e número de vitorias, carecía de significación.

Arrincaba o encontro cun Estudantes desatado, decidido a marcar o ritmo do partido e xogar ao que eles querían. Mate en contrataque coa man dereita dun sensacional Anxo Delgado (20 puntos, 11 rebotes e 26 de valoración) tras roubo de balón, para poñer o 10-5 a 6:30 para finalizar o primeiro cuarto. Con todo, os 7 triplos de 12 intentos dos galegos eran unha laxa demasiado pesada para os colexiais. Daum (16 puntos, 7 rebotes, 1 asistencia e 22 de valoración) anotaba de forma inverosímil un triplo diante do seu defensor no último segundo do primeiro acto, deixando o 19-25 no luminoso.

O segundo cuarto continuaba coas canastras dun espectacular Avramovic (32 puntos, 2 rebotes, 2 asistencias e 26 de valoración) e Delgado como protagonistas polo bando local, mentres que Daum sostiña aos seus por diante no luminoso. A obrigación de gañar dos colexiais mantíñalles atenazados, mentres que o peso da responsabilidade, xogaba a mala pasada de ceder o control do partido aos de Santiago.

A pesar de todo, Estudantes porfiaba. Unha canastra de tres puntos do máximo anotador do encontro Avramovic achegaba aos de azul no tenteador, 32-35 a 4:17 para rematar o segundo cuarto.

Obradoiro controlaba as súas vantaxes e xogaba coa ansiedade colexial, 37-44 para acabar un cuarto que Obradoiro gañaba por un punto. Sete de vantaxe visitante no global e ambas as escuadras enfilando o túnel de vestiarios. Tras o descanso, Estudantes saíu enrabietado e disposto a poñer toda a carne no asador. A pesar diso, a primeira canastra do terceiro cuarto produciuse a 8:34, cun triplo en “ catch and shoot” do mvp do partido Robertson (31 puntos, 3 rebotes, asistencias, para asinar 28 unidades de valoración), poñendo o 39-47 no marcador. O caudal ofensivo continuaba sendo patrimonio da parella Avramovic-Delgado, os locais estirábanse e tras un parcial de 11 a 3 conseguiron voltear o marcador 48-47 e poñerse por diante a 6:45 para rematar o terceiro acto.
Robertson e Oliver devolvían a vantaxe aos de Moncho Fernández no ecuador do cuarto, 56-52. Obradoiro trataba de administrar as súas rendas e cando parecía que o terceiro cuarto acabaría 61-67, tras rebote de Cohen no fallo da última xogada Estudantil, este regálalle o balón a un Delgado que pasaba por aí, quen se atopa de súpeto co balón nas mans e anota o 63-67 co que concluía o acto. Gañaban o penúltimo cuarto os de Javier Zamora por 23-20 e deixaban o partido coas espadas, aínda no alto.

O último cuarto continuou cun Avramovic capitalizando o ataque madrileño. Mentres tanto, os da capital de Galicia continuaban con acerto no tiro exterior, o que lles permitía seguir gañando, 71-76 a cinco minutos do final. Obradoiro puxo unha marcha máis e escapouse 76-84 a 2:50 do final tras triplo de Robertson, sabedor do castigo mental e físico ao que estaba a someter a Estudantes.


Avramovic empezaba a mostrarse realmente canso. Pasou a testemuña do xogo ofensivo ás mans de Barea (12 puntos, 3 rebotes, 6 asistencias e 13 de valoración), quen monopolizo esta faceta nos últimos minutos. Obradoiro seguía aos seu e Daum, a 1:55 machucaba o aro local cun mate espectacular, coroado así o 80-87 que se antollaba case definitivo. Ozmizrak (7 puntos, 3 asistencias e 7 de valoración) cravou un triplo a 1:16, o que significaba o 80-91 e xa non había cabida a remontada épica de ningún tipo. De aí ao final, triplo do colexial e ex Obra, Alec Brown (5puntos, 4 rebotes e 12 de valoración) e tres puntos máis dos galegos entre un tiro libre de Robertson e dous máis finalizando o partido, que deixaba o electrónico no definitivo 83-94. Once puntos de diferenza que superaban os 4 polos que Obradoiro caera en Santiago.

Obxectivo conseguido, xa só resta competir os dous partidos que quedan e acabar o máis arriba posible. Murcia en casa e Burgos fose son os 2 compromisos que lle restan a un Obradoiro, que de non ter a crise covid19 e a moi crítica por momentos, persecución en forma de lesións, non sabemos ata onde podería chegar, pero sen dúbida, ben moi preto, ou ben de cheo en playoff.

Gran tempada de Moncho e os seus. Agora toca esperar as noticias de continuidades, fichaxes e demais novidades, que comezarán tan pronto a tempada corra o pano de forma definitiva.

Parabéns a todo o Obradoirismo por continuar un ano máis na elite, sendo o representante galego na mellor liga do mundo, tras a NBA.

ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO