Educación abordará este martes o borrador sobre o calendario escolar do curso 2020/2021

1 minutes read
  • O borrador de Orde recolle o inicio e remate dos períodos lectivos, das vacacións e dun calendario para o funcionamento dos comedores escolares dos centros públicos

Este venres a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional envioulles aos sindicatos a proposta de calendario escolar para o vindeiro curso 2020/21 nos centros educativos sostidos con fondos públicos, que se analizará o vindeiro martes na mesa sectorial do ensino non universitario. O borrador non contén modificacións significativas respecto de anos anteriores.

Segundo o documento, para o alumnado matriculado en 2º ciclo de infantil, en primaria e en educación especial as clases comezarán o 10 de setembro de 2020 e rematarán o 22 de xuño de 2021; mentres que para os matriculados en ESO, Bacharelato, e Formación Profesional o inicio de curso será o 16 de setembro e prolongarase ata o 22 de xuño de 2021.

Nas ensinanzas de réxime especial, as actividades lectivas realizaranse entre os días 16 de setembro de 2020 e 30 de xuño de 2021, de acordo cos calendarios de probas de acceso e probas de certificación establecidos para cada unha delas.

O borrador de Orde tamén recolle períodos vacacionais e días non lectivos, ademais dun calendario para o funcionamento dos comedores escolares dos centros públicos, que en Educación Primaria funcionarán desde o 10 de setembro de 2020 ata o 22 de xuño de 2021; e en ESO desde o 16 de setembro de 2020 ata o 22 de xuño de 2021.