Educación analiza as intervencións prioritarias a realizar nos centros de ensino da Laracha

1 minutes read

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e a edil responsable da área de Ensino, Patricia Bello, reuníronse co xefe territorial de educación, Indalecio Cabana, co propósito de analizar as intervencións que consideran prioritarias para levar a cabo nos próximos meses nos centros de ensino do termo municipal.

No caso do IES Agra de Leborís requírese a apertura dos novos accesos pola parte posterior do centro. O Concello está a converter ese ámbito nun novo punto de referencia para os veciños dentro do núcleo urbano da Laracha co desenvolvemento de xeito simultáneo de varios proxectos complementarios entre si: a apertura dunha nova estrada que conecta directamente as avenidas Manuel Fraga e Doutor López Astray –actualmente en execución- e a creación de pistas polideportivas descubertas –unha xa operativa- e dun parque de patinaxe. Isto permitirá habilitar un novo acceso cara o instituto para os autobuses do transporte escolar e tamén poder incorporar durante o horario lectivo os novos equipamentos deportivos para uso do centro educativo. Para iso é necesario habilitar no peche perimetral os accesos correspondentes.

Tamén no CEIP de Caión tratouse a necesidade de completar a mellora do peche perimetral do colexio no último tramo no que resta por intervir despois da rehabilitación realizada polo Concello e pola Consellería de Educación no sector do acceso principal e tamén no que bordea a pista polideportiva e o parque infantil.

Ademais estudáronse outras intervencións susceptibles de realizarse xa nos propios edificios dos centros educativos co propósito de mellorar as súas condicións e aumentar a comodidade do alumnado, profesorado e resto do persoal. Tamén se analizaron cuestións relativas ao transporte escolar.