- Con cinco horas diarias de programación educativa, emitirase en aberto na franxa matinal de Clan TV e La2 de TVE
O Ministerio de Educación e Formación Profesional (MEFP) puxo en marcha este luns, en colaboración con Radio Televisión Española (RTVE), ‘Aprendemos na casa’, unha iniciativa dirixida a alumnos e alumnas de 6 a 16 anos que pretende facilitar a aprendizaxe durante a suspensión de actividade lectiva presencial motivada polo estado de alarma decretado polo Goberno para conter a propagación do coronavirus.
Trátase dunha programación especial de cinco horas diarias de contidos educativos que se emitirá en aberto durante as mañás, de luns a venres, en Clan TV e en La 2 de TVE.
Esta iniciativa está dirixida especialmente aos estudantes de familias socialmente máis vulnerables e que por tanto carecen de recursos para seguir as actividades on- line que proporciona a maioría dos centros educativos e os seus docentes. Tamén a quen vive en territorios con maiores dificultades de conexión á rede e ao alumnado que polas condicións de confinamento ten problemas para compartir o ancho de banda.
“O Ministerio de Educación e Formación Profesional está a traballar para non deixar a ninguén atrás, para que ningún alumno ou alumna perda o curso por esta situación excepcional que estamos a vivir”, asegurou a ministra Isabel Celaá.
Por iso, esta nova programación trata de ser unha axuda anímica para os menores e as súas familias co fin de que todos aprendan desta situación. Así, ademais de incluír contidos relacionados coas áreas de coñecemento, traballará competencias emocionais para mellorar a convivencia familiar e facer máis eficaz e ameno o proceso educativo. Cada bloque temático incluirá contidos que reforcen a actividade física, a lectura, os valores solidarios, a educación emocional ou que estimulen a curiosidade, entre outros obxectivos.
Grella de Programación de Clan TV e La 2 de TVE

O MEFP tamén ofreceu ás Comunidades Autónomas a aula Virtual de educación a distancia (apta para Primaria, Secundaria e Bacharelato), así como os materiais da Plataforma de Formación Profesional a Distancia para facilitar o seguimento online dos ciclos formativos cuxo desenvolvemento se ve afectado pola actual situación.