Elena Candia é a nova alcaldesa de Lugo tras prosperar a moción de censura

1 minutes read

Non houbo sorpresas no pleno extraordinario celebrado este xoves, a líder do PP en Lugo, Elena Candia, é a nova alcaldesa da cidade, ao prosperar a moción de censura presentada polo seu partido e apoiada e votada por María Reigosa, exedil socialista que chegou ao Goberno tras a morte dun dos tres concelleiros do PSOE falecidos neste mandato.  Ás portas do consistorio houbo unha protesta de centos de persoas que despois quedaron berrando mensaxes en contra desta manobra política. Elena Candia defendeu o uso dunha «ferramenta legal» e lamentou que os seus familiares non puidesen entrar por falta de capacidade , pasando a enumerar o que para ela son proxectos «errados» dos ata o de agora gobernantes. A moción de censura puxo fin a 27 anos consecutivos de gobernos da esquerda en Lugo, todos con alcalde ou alcaldesa socialista. O rexedor saínte, Miguel Fernández, afeou que esta moción construísese sobre «a ausencia e a dor» e púxolle un nome, «oportunismo», ao utilizar «o máis sensible, o máis humano, como ferramenta de cálculo político».