Eli Conde participou no Concurso de Jóvenes Deseñadores no ano 2021, na XXVII edición do concurso, que será lembrada por ser a única Mostra do Encaixe que celebrou fóra de Semana Santa, no mes de outubro concretamente, por mor da pandemia.
A deseñadora vilagarciana reinterpretará a súa colección Victoria. “Utilizo a base e logo estou facendo cambios, a uns vestidos engádolles unha manga e fago un tocado novo, a outros póñolles unha capa, unha falda…”, explica. Tamén destaca a facilidade de reutilizar o encaixe xa que “despois de varios anos, segue intacto, en perfecto estado, eu tinguino nalgunhas pezas, tiven que lavalo, e aínda así aguanta e segue impecable” e engade que “o meu fillo de 19 anos está traballando coas pezas de encaixe que vou a usar nesta colección, para min é un orgullo”.
Yolanda Román participou no Concurso de Jóvenes Deseñadores nos anos 2012 e no 2019, nas XVIII e XXV edición do concurso. Nesta ocasión está a reinterpretar a colección que presentou no ano 2012, ‘Encaixa o postapocalipse’, despezando as pezas para poder crear novas prendas.
Para Yolanda está a ser un traballo “un pouco estresante, porque ó reinterpretar reutilizando tés que adaptarte ás pezas da colección, só podes traballar co que xa tés, e son elas as que poñen os límites”. Aínda así admite que o encaixe reutilizado “é un material co que se traballa moi ben”.