Emigración abre a convocatoria do programa ‘Conecta con Galicia’

1 minutes read

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a convocatoria do novo programa Conecta con Galicia da Secretaría Xeral da Emigración que se volve a desenvolver este ano, tras tres anos de suspensión por mor da pandemia. Ten coma obxectivo posibilitar a convivencia en Galicia de 60 mozos e mozas galegas do exterior durante os meses de xullo e agosto.

Este programa está dirixido a persoas de 16 e 17 anos residentes no estranxeiro, nados en Galicia ou descendentes de emigrantes galegos e ten por finalidade facilitar á mocidade da Galicia exterior o contacto coa realidade galega e o encontro cos seus familiares, coñecendo a realidade da Galicia actual e moderna, actuando de altofalantes da mesma nos países onde residen.

A iniciativa, para moitos deles e delas, supón a primeira posibilidade de coñecer fisicamente a terra das e dos seus devanceiros, e as xeracións da familia que quedaron na Galicia territorial.

‘Conecta con Galicia’ desenvolverase no albergue xuvenil de Gandarío en dúas quendas de 30 participantes cada unha: entre o 15 e o 28 de xullo e entre o 29 e o 11 de agosto. Nestas instalacións realizarán diferentes actividades lúdicas e deportivas, así como participarán en visitas culturais e tamén poderán coñecer empresas punteiras situadas en diversos lugares de Galicia.

As persoas interesadas terán ata o próximo 22 de maio para presentar as súas solicitudes.