En execución as obras de reordenación, reforma e mellora de pantaláns no porto de Rianxo

1 minutes read

O ente público Portos de Galicia investiu máis de 200.000 euros nestes traballos, que están xa executados na súa maior parte. As obras inclúense dentro dunha actuación conxunta coas dársenas de Sada e A Pobra do Caramiñal e que conta cun orzamento en 2 millóns de euros. Esta acción ten como obxectivo a modernización das instalacións aboiantes mellorando a seguridade e accesibilidade ás embarcacións, ademais de optimizar a utilización das augas abrigadas.

No porto de Rianxo veñen de instalarse 77 novos fingers que habilitan un total de 171 prazas e permiten a eliminación do tren de fondeo. Ademais renovouse integralmente o pavimento, aplicando madeira tecnolóxica nos pantaláns e na pasarela, e instaláronse escaleiras abatibles e unha baliza ao final do pantalán así como un sistema de apertura das portas con móbil. As obras tamén incluíron a limpeza dos flotadores e o saneamento dos pilotes. Finalmente está prevista unha lixeira ampliación dos pantaláns pesqueiros.